Monday 13 de May de 2024

O Concello de Muxía proxecta un compendio de actividades en setembro coa rapazada do municipio como protagonista


Desde o goberno local organizarase tamén o Campamento ‘Pekebarca’ durante os días 7, 8 e 9 de setembro.

O Concello de Muxía proxecta un compendio de actividades en setembro coa rapazada do municipio como protagonista. Serán catro actividades culturais que se celebrarán os venres e sábados do décimo mes do ano, ademais do Campamento ‘Pekebarca’, previsto para os días 7, 8 e 9 de setembro.
Para esta última actividade, as inscricións poderán formalizarse ata o 4 de setembro, xa que as prazas son limitadas. As persoas interesadas poderanse inscribir no 981 74 20 01.
O programa cultural comezará este día, con Eduvia e os seus ‘Contamos en igualdade’. Será ás 18:00 horas na Biblioteca Municipal. Esta obra pretende rachar cos estereotipos dos roles tradicionais asignados ás personaxes dos contos en función do seu xénero, idade, etnia ou mesmo condición social, cultural ou funcional.
O día 11 de setembro, tamén ás 18:00 horas e novamente na Biblioteca Municipal, Trinketrinke escenificará o seu espectáculo ‘O coelliño branco’. A ratiña Lilí Gruyére e a súa mascota o Coelliño Branco, dramatizarán coa axuda dalgúns voluntarios/as do público o conto que o coelliño protagoniza.
O sábado 19 de setembro, ás 18:00 horas, Pakolas levará ata a Biblioteca Municipal de Muxía ‘As parábolas de Pakolas’. Paco Cerdeira interpretará en directo unha escolla dos seus temas para público infantil-familiar, con música de estilo moi rockeiro que entusiasma aos nenos e nenas. Combínanse as cancións coas historias que nelas se recollen, cunha mensaxe final, formando así unha fermosa parábola da que aprender e na que pensar, sempre dun xeito participativo.
Por último, o venres 25 de setembro, tamén ás 18:00 horas, a compañía O Carballo con Botas porá en escena a obra ‘A pequena fábrica de corazóns de papel reciclado’ na Biblioteca Municipal. Un singular fabricante de corazóns coa axuda das nenas e nenos trataran de reciclar as malas novas de violencia de xénero, de machismo e desigualdades, para fabricar uns fermosos corazóns de papel reciclado cos que homenaxear a nobel da paz con monicreques tecidos por cooperativas do comercio xusto.
Estas actividades estarán organizadas baixo estritas medidas de seguridade. Será obrigatorio o uso de máscara sanitaria en nenas e nenos maiores de 6 anos. Desde a concellaría de Igualdade, Olalla Benlloch destaca ‘este compendio de actividades porque, ademais de resultar atractivas visual e auditivamente, permiten á rapazada participar nas mesmas, supoñendo en todo caso un reforzo na súa aprendizaxe, sobre todo en idades temperás. Agardamos que o pasen en grande’, sinala a edil.